Benvinda
Benvidas e benvidos á páxina do proxecto de subscrición popular da Guía definitiva dos peixes da Galiza. Somos Pancho Lapeña e Nacho Munilla e solicitamos á vosa axuda para sacar adiante esta nosa segunda guía definitiva.
O que a guía contén
Na «Guía Definitiva dos Peixes da Galiza» describimos 51 peixes dos mares galegos, damos conta dos seus múltiples nomes e máis arrexuntamos algúns dos ditos, contos e fantasías que eles protagonizan.
Presentados e representados por parellas en fermosas ilustracións orixinais, a meirande parte deles cumpren coas condicións seguintes: son de tamaño pequeno ou mediano; son comúns; e son doados de observar nas augas das costas atlánticas ibéricas no radio de acción dunha persoa que saiba mergullar a pulmón (ou cando menos propulsarse pola superficie da auga cos óculos de mergullo postos).
A guía é igualmente útil en todo tipo de peixarías.
Aqui un exemplo dunha observación que será doadísima de identificar coa axuda da nosa guía:
Definitivaa?
É definitiva porque quere ser o segundo volume dunha colección de guías definitivas (a primeira foi a Guía definitiva das aves da Galiza). As definitivas son guías concebidas como obras de divulgación totais, úteis e atractivas para pequenos e maiores, para legos e iniciados, para espíritos sistemáticos e para espíritos románticos.
As orixes desta guía
O proxecto que propiciou este libro de peixes que tes nas mans é consecuencia dunha teima impulsora que ficou latente por moitos anos no corazón do máis novo de nos, de Pancho, a quen sempre lle buliu no corpo a idea de desfacer o galimatías dos nomes dos peixes na Galiza.
Despois de ter asistido ao longo dos anos a centos de debates espontáneos entre xentes do mar sobre cal era ou cal non era o nome de tal ou cal peixe, un día da primeira decena do mes de xaneiro de 2017, segunda feira, Lapeña, toucado de pucho de la, calzado cunhas deportivas Converse e vestido cunha camiseta mordida na fita do pescozo, pantalon de camuflaxe multipetos e casaco, saíu da casa no seu carro, levando por únicas armas un cartafol con 26 láminas orixinais de peixes en parellas disposto a comezar coa recompilación dos nomes que se lle dan aos peixes no país.
Nos catro portos que percorrera naquela primeira aventura faláronlle dela. Nos catro lle dixeron que xa unha muller pasara por alí hai moitos anos preguntando como preguntaba el polos nomes dos peixes. E foi por iso, porque o seu plan orixinal xa non tiña sentido, que o traballo previsto sobre o léxico asociado aos peixes mudou, ao mesmo dia de comezar, nunha investigación detectivesca sobre a identidade dunha lexicógrafa que se lle adiantara 50 anos. A solución do enigma, a chave da identidade desa muller foi resultado dun xiro insospeitado nun lugar ata certo punto inverosímil: a máis traxica e deserta das illas galegas, Coelleira.
Sobre nós mesmos
Nacho Munilla e Pancho Lapeña comparten estirpe, modos de afrontar a vida e actitudes parellas fronte as marabillas da natureza, que eles adoitan ver nas cousas pequenas e minúsculas. O da estirpe compartida ven do feito de proceder ambos da unión dunha muller de Ourense cun home de Soria. Tan improbable circunstancia explica o nome que lle dan ao seu proxecto editorial conxunto: sorianourensana de libros. Nacho é doutor en bioloxía amante do estudo e contemplación dos mares e das criaturas que neles viven. Pancho fai por combinar disciplinas aparentemente inmiscibles como a arte musivaria e a filosofía. Pancho é un gran mergullador, Nacho deféndese mellor na superficie.
Do destino das vosas achegas
Concretamente, o proxecto consiste na maquetación e edición de 1000 exemplares dun libro ilustrado de 120 páxinas a toda cor (4/4 tintas CMYK) en papel offset reciclado e con cubertas duras de 17 x 24 cm.
Os cartos que pedimos vanse invertir logo en tres partidas.
Partida grande: Imprenta = 5500 euros;
Partida mediana: Maquetación = 750 euros;
Partida pequena: Outros menesteres = 250 euros;
A suma das anteriores partidas debería dar os 6500 euros que marcan o noso obxectivo!!
Calendario previsto
Nestes momentos a edición está practicamente rematada e xa comezaron as labores de maquetación a cargo de Masako Hattori. Contamos logo con rematar a edición durante a campaña convosco para xa mandar o libro ao prelo canto antes. Despois haberá que contar con 2-3 semanas de imprenta. Se todo vai ben a xente recibirá o seu libro persoal, único e intransferible ao pechar a campaña. Si, queremos telo listo para o Nadal.
Reparto das recompensas
Enviaremos as recompensas polo Correo, os libros en sobres con camisa de burgullas e as láminas en sobres de cartón estreitiños e grandeiros. Chegaravos unha notificación a casa para que pasedes a recoller a vosa recompensa pola Oficina de Correos.
+ Info
Dado que non formamos parte de rede social dixital ningunha non temos perfil que vos amosar. Mais se de verdade queredes facervos unha idea boa das nosas habilidades editoriais por favor visitade a páxina de Verkami do noso anterior proxecto a Guia definitiva das aves da Galiza. Varios dos deseños de Pancho pódense contemplar aquí. Nacho desenvolve a súa actividade profesional baixo o paraugas de MunillaBiodiversidade.
19 comentarios
Si xa eres mecenas, iniciar sesión para comentar.
Concha do Jas
Grazas Nacho e Pancho, polo saber e polo arte! Un pracer!
moucho
A canto te-la faneca?
Tambo Bottles
Encantado con esta guía de peixiños
Raquel Boo Anderson
Unha guía xenial!
netguillerm
Peixe pau e cabaliño. Grazas
Tomás
Cabaliño e Peixe-pau,grazas,saúdos.
Krrisi
Deseando tener la guía!!!
José Manuel Olivares
Magnifica obra y magnífico esfuerzo. !enhorabuena !
Santi
lamina cabaliño
Bruno Vilela
Mui boa pinta. Desejando tela nas maos.