Anabel, Roi, Suso e Fátima están a desfrutar dunhas agradábeis vacacións en Portugal mais un inesperado acontecemento convérteos nos protagonistas dunha aventura trepidante, chea de emoción e perigo. Unha historia que vos deixará sen alento. Descubrídea por vós mesmos/as pois calquera cousa que se vos conte é susceptíbel de ser spoiler.
Portugal é o agardado quinto volume da serie xuvenil Os Cinco de Ons, despois de Ons, Cans, Guitiriz e Arousa. As historias de Anabel, Roi, Suso, Fátima e mais a Rula son xa un clásico da literatura xuvenil galega, cun total de…
MÁIS DE 6000 EXEMPLARES VENDIDOS!!!
Queredes acompañalos nesta emocionante viaxe da outra beira do Miño?
Sobre as recompensas
Grazas a esta campaña de micromecenado, poderedes conseguir o voso arelado exemplar de ‘Portugal’ e mesmo aproveitar para completardes a vosa colección de Os Cinco de Ons. Para iso, dispoñedes das seguintes ofertas:
PACK ANABEL (12€): Un exemplar de Portugal asinado polo seu autor, Carlos Meixide.
PACK ROI (24€): Un exemplar de Portugal asinado polo autor + outro exemplar a escoller da serie Os cinco de Ons
PACK FÁTIMA (36€) Un exemplar de Portugal asinado polo autor + outros 2 exemplares a escoller da serie Os cinco de Ons
PACK SUSO (48€) Un exemplar de Portugal asinado polo autor + outros 3 exemplares a escoller da serie Os cinco de Ons
PACK RULA (60€) A colección completa da serie Os cinco de Ons
Recordámosvos as novelas anteriores, para que comprobedes na vosa biblioteca cal é a que vos falta:
- ONS: Catro rapaces inician as súas vacacións na illa de Ons, mais o primeiro día un arrepiante descubrimento na praia converterá o seu verán nunha aventura trepidante e inesquecíbel…
- CANS: Os Cinco de Ons chegan ao Festival de Cans para gozaren dunha fin de semana de amor, humor e, sobre todo, moito cine. O que non saben é que un acontecemento inesperado vainos converter nos protagonistas dunha excitante aventura que nos atrapará ata o final…
- GUITIRIZ: Os Cinco de Ons chegan a Guitiriz para pasar a fin de semana no mítico Festival de Pardiñas, mais un suceso inesperado vainos converter nos líderes dunha apaixonante revolta veciñal contra intereses escuros…
- AROUSA: Unhas vacacións na Illa de Arousa, unha atractiva moza francesa de visita nas Rías Baixas, unha renovada paixón de verán e a aparicíón misteriosa dun envelenador de cans son os ingredientes da aventura máis trepidante dos Cinco de Ons.
O autor
Carlos Meixide (Vilagarcía de Arousa, 1977) é escritor, xornalista, humorista e editor. Alén da súa coñecida serie dos Cinco de Ons é autor doutras novelas como O Home Inédito, Inge e Robbie, A memoria dos meus pasos ou Camiño de paixóns.
No seu haber de editor débense incluír os dous volumes do Bestiario do Vestiario de Martíño Suárez, a Ontoloxía Poética de Carlos Santiago e Escándalo no CDG da autora alemá Corinna Marx. A finais de 2021 fundou un novo selo editorial: Rodolfo e Priscila, coa tamén escritora Berta Dávila.
Alén da súa faceta literaria, Carlos Meixide é coñecido por ser Arturito Puy no senlleiro grupo Os da Ría.
A que destinaremos as vosas achegas
Coas vosas achegas contribuiredes á edición deste libro. O obxectivo da campaña de micromecenado pretende cubrir, mediante a venta anticipada, os gastos de impresión, deseño e maquetación, corrección ortotipográfica, así como os relativos á distribución en librarías e á difusión en prensa, promoción…
Sorteo entre todas as persoas mecenas
Todas as persoas que participedes na campaña optaredes a un pack de cinco libros (os da foto a continuación), así que… MOITAS GRAZAS E MOITA SORTE!!!
Calendario previsto
É o noso desexo poder ofrecer o libro unha vez remate con éxito a campaña, de maneira que ‘Portugal’ poida estar dispoñible a partir do mes de outubro, cadrando co comezo do curso escolar.
+ Info
Podédesme seguir nas miñas redes sociais:
2 comentarios
Si ya eres mecenas, Inicia sesión para comentar.
Sergio
Forza
anxoseren
Seguimos agardando o remate das coplas dos concellos ;)