O CROWDFUNDING:
Boas a todas, a cousa fíxose derrogar pero por fin eiquí vos presento o proxecto co que pretendo sacar adiante o meu primeiro poemario en "formato clásico", isto é: un libro ben chulo dunhas cantas páxinas perfectamente encoladiñas entre dúas tapas ...ó que saben os corpos no que dura unha dársena... porque o sabor é tacto e o saber, en certo xeito, tamén, resulta moi lindo poder iniciar algo eisí por medio da economía colaborativa, xa que permite ter un contacto directo c@s mecenas, sabendo en cada momento que o que se lle vai ofrecer é a obra que realmente un quere, coas súas virtudes e os seus defectos, e iso sabe moi ben...Unha obra que acaba sendo común, xa non só por ser lida, coma todas, senón porque sen vós sería imposíbel que se materializara...
quico.
O AUTOR:
O vídeo, gravado e editado por Alexandre Fernández, corresponde á presentación da obra -movimentos- na Taberna do Couto Mixto aló polo agosto do 2016 (ó saxo Alexandre Cabanelas). Eiquí tedes un enlace coa versión dixital destas poesías que se poderían considerar un apunte, ou un apéndice a modo de correo postal, disto que agora vos presentamos en VERKAMI, https://archive.org/details/movimentos
...E algo sobre min, pois eiquí a entrevista completa que me realizaron os compañeiros de News Carba podcast: https://www.youtube.com/watch?v=MzODUh6MnwQ
A OBRA:
Anxo Blas, paragüeiro trovador, musicou nun tema magnífico os tres poemas que serven de fío conductor do poemario que vos queremos presentar. Iste vídeo pertence á presentación do proxecto na Adega Regadas do Carballiño...e Anxo dixo hei!:
...ó que saben os corpos no que dura unha dársena... conta unha historia. Cartografía un mapa. Ausculta un corpo. Abre un hipocampo. Verbalízao todo.
19 poemas a modo de "literatura de aprendizaxe", onde cada un deles funciona coma un pe de páxina a cerca do xa vivido, do que se está vivindo, do por vivir.
19 poemas acompañados por unha serie de ilustracións que procuran comunicarse cos seus versos a través dunha linguaxe propia, é dicir: distinta, ás veces amigábel, outras desafiante. Eisí tamén, varias das recompensas deben considerarse coma parte integrante da obra, a cal racha, diste xeito, cos lindes físicos do poemario pra acadar diferentes texturas (entre elas, destaca, sen lugar a dúbidas, a camisola contra a violenza machista...afianzando a dupla estética/ética que percorre o proxecto por enteiro. Xa no limiar anúnciase:
"...quen non comprenda que é no poema de amor
eilí onde se concentra a máis radical das poesías
políticas é porque non comprende nin que
se xoga no amor nin ó que tende a política...")
"...ó que saben os corpos..." conta coa colaboración inestimábel de Eladino Cabanelas, "comandante en xefe" do selo de deseño gráfico/papelería OZOCOgz, na maquetación e na ilustración da portada. Da impresión encargarase Arimgraf S.C.
AS ACHEGAS:
O obxetivo principal concentrarase en paliar os custos de impresión dos 400 exemplares que nos fixamos de meta; as camisolas, un total de 50 repartido entre as diferentes recompensas das que estas forman parte, ocupan o segundo lugar do presuposto; o restante dirixirase a cubri-los gastos relacionados coas demais recompensas (marca páxinas, postais, estancias...), excepto unha pequena partida coa que se apoiará minimamente o desprazamento de cara as diferentes presentacións que se realizarán.
Se, con moita sorte, se chegase a supera-lo mínimo fixado pró financiamento, gustaríanos aumenta-lo lote de camisolas pra recadar un fondo que se doaría a unha Asociación Contra a Violenza Machista (inda a contactar) logo de ter acordado con ela o prezo das mesmas.
Pouco a pouco, iremos expondo as diferentes posibilidades pra recoller as recompensas. Naquiles casos que se opte polo envío a domicilio, os custos correrán a cargo d@s mecenas; atendendo ás tarifas de Correos e ó empaquetado, iste gasto presenta as seguintes relacións:
-Envío da camisola: 3'20 euros.
-Envío do libro + postal + camisola: 3'20 euros.
-Envío do libro + cd: 3'20 euros.
-Envío do libro + postal + camisola + cd: 5 euros.
-Envío de 2 libros + 2 postais + 2 camisolas: 6 euros.
As recompensas que conteñan a botella de viño tentarase entregalas sen recorrer ó envío postal co ánimo de evitarlles un gasto excesivo @s mecenas, acordando previamente a maneira co autor. Polo mesmo, tamén, na medida do posíbel tratarase de habilitar en tódolos casos puntos de recollida.
(*Eiquí exponse a relación dos gastos de envío respeito das recompensas cun máximo de mecenas, as restantes aparecen directamente no muro da dereita.)
AS RECOMPENSAS:
@s mecenas que se sumen a iste crowdfunding poderán gozar dunhas recompensas ben variadas:
Postais ilustradas polo autor.
Tódolos poemarios acompañados dun exclusivo marca páxinas.
Camisolas (unisex) contra a violenza machista cun debuxo orixinal.
- O disco "Atlas de anatomía" de Roberto Sobrado grupo e o "Perspectivas" de 4Mal Quartet Jazz, compañeiros constantes de diversas batallas.
Unha botella de viño etiquetada cun poema que non constará no libro sobre un tema tan en boga coma o da maridaxe.
Unha cea na Adega Regadas con viño e queixos, pra afondar no anterior.
- Unha estancia no Hotel Rústico Aldea Figueiredo, San Amaro, pra seguir afondando ate o inimaxinábel.
CALENDARIO:
Tanto os textos coma a maquetación virtual da obra xa están rematadas, eisí coma unha proba física da mesma, polo que as recompensas das que teñamos un control directo
tentarán entregarse nun prazo breve en relación á conclusión e presentación definitiva do poemario; no correspondente á cea na Adega Regadas e á estancia no Hotel Rústico Figueiredo, as datas fixaranse entre @s mecenas, a dirección dos establecementos e o autor.
+INFO
As novidades que vaian aparecendo (info., sorpresas, etc.) iranse dando a coñecer nesta mesma páxina e/ou na páxina de facebook: https://www.facebook.com/canetadepoeta/
0 comentarios
Si ya eres mecenas, Inicia sesión para comentar.