BENVIDOS
Benvidos á campaña de subscrición popular da Guía definitiva das Aves da Galiza. Somos Nacho Munilla e Pancho Lapeña e recorremos a vos para editar e publicar esta guía de aves a medio camiño entre a realidade e a ficción científica.
Na Guía definitiva das Aves da Galiza describimos 33 especies de paxariños comúns da avifauna do noroeste ibérico e informamos sobre as trazas que mellor as describen; sobre a súa bioloxía, hábitats, costumes e personalidade. Incluimos tamén unha sección de etnografía e folclore paxareiro, por veces popular, por veces literaria.
Tódolos paxaros van ilustrados nas súas cores e levan a carón a súa copla, canción ou poema manuscrito. As ilustracións son de Pancho e os textos de Nacho.
Concretamente, o proxecto consiste na maquetación e edición de 800 copias dun libro de 120 páxinas a toda cor (4/4 tintas CMYK) en papel offset reciclado e con cubertas duras de 15 x 21 cm.
.
.
HISTORIA DA GUÍA
O 11 de novembro de 1944 a imprenta da editorial londinense John Constable & Sons, resulta gravemente afectada por un dos mísiles V2 cos que o agoniante réxime nacionalsocialista alemán pretendía, á desesperada, tornar o curso da guerra. Por entre as cuantiosas perdas provocadas polo incendio que ao longo dos seguintes días devastaría prelos e almacéns figuraban os caixóns nos que se embalaran os mil exemplares da primeira edición da Guía Definitiva das Aves da Galiza, de Salvador Lueiro, listos para seren enviados por barco ao Centro Galego de Bos Aires.
E ben podería rematar aí a historia da Guía, esvaída en fume e cinza, de non ser porque a casualidade quixo que tivésemos a sorte de dar cunha caixa que durmía nos arquivos da Biblioteca Alexander do Departamento de Zooloxía da Universidade de Oxford. Esa caixa contiña os poucos restos da Guía que se salvaran do lume, e foi a partires deses restos que nos imaxinamos a Guía.
SALVADOR LUEIRO
Esta nosa guía inspírase no personaxe de Salvador Lueiro, naturalista, ornitólogo, ilustrador e divulgador científico. A figura de Salvador encarna unha certa maneira de estar e de comprometerse. Ao rescatar a súa obra perdida, naif, culta e definitiva queremos homenaxear a toda esa xente de ciencia e ben obrigada a marchar á forza desta terra nosa.
E PORQUÉ DEFINITIVA?
É definitiva porque foi concebida como obra de divulgación útil e atractiva para para pequenos e maiores, para legos e iniciados, para espíritos sistemáticos e para espíritos románticos.
F.A.Q (PREGUNTAS MOITO REPETIDAS):
1. A guía vosa é unha guía convencional? Non, para nada. Non é convencional porque é máis para ler que para consultar.
2. Vale esta guía vosa para iniciarse no amor ás aves? Si. E non hai outra mellor.
3. E vale para iniciarse na observación das aves? Se cadra sí, mais non dun xeito convencional.
4. Máis é unha guía de campo? De campo, de campo… Ten as tapas duras e non colle nun peto.
5. Cóstavos concretar as vosas respostas? Mmm
7. Choverá mañán? Seica.
Munilla & Lapeña
Nacho Munilla e Pancho Lapeña, malia non estar unidos por unha relación de parentesco, comparten estirpe, modos de afrontar a vida e actitudes parellas fronte as marabillas da natureza, que eles adoitan ver nas cousas pequenas e minúsculas. O da estirpe compartida ven do feito de proceder ambos da unión dunha muller de Ourense cun home de Soria. Nacho é doutor en bioloxía amante do estudo e contemplación das aves e dos lugares nos que elas viven, sexan mares ou montañas. Pancho fai por combinar disciplinas aparentemente inmiscibles como a arte musivaria e a filosofía. Se cadra é por iso que debuxa e pinta as aves cun aquel humorístico, inspirador e poético.
O DESTINO DAS VOSAS ACHEGAS
SOBRE AS RECOMPENSAS
Para numerar os exemplares empregaremos unha numeradora manual, concretamente o modelo P-7 da casa ARTES. Sinaturas e dedicatorias farémolas con rotulador ou cun marker non moi groso.
As dedicatorias exclusivas constan dun mínimo de catro versos co nome da persoa e do paxariño que ti queiras. Xa que logo, dinos un nome, a idade (aproximada, é para nos facer unha idea) da persoa que leva ese nome e máis escolle un dos paxariños da Guía. Nos compoñeremos unha dedicatoria con eses dous datos. Se nos queres facilitar máis datos desa persoa á que lle queres dedicar o teu exemplar da Guía para os incluir na dedicatoria es benvido. A ver o que sae. Non garantimos a rima en consonante.
CALENDARIO PREVISTO
Nestes momentos a edición está practicamente completada pois so fica rematar a maquetación. Poñerémonos coa maquetación de contado así que contamos con mandar o libro ao prelo dentro dun mes. Despois haberá que contar con 3 semanas de imprenta. Se todo vai ben a recibirás o teu libro persoal, único e intransferibel dúas semanas despois de pechar a campaña a moito tardar. Contamos con facer unha rolda de presentación da Guía polas 5 principais cidades de Galicia.
ENTREGA DOS EXEMPLARES
Un dos propósitos da rolda de presentación da Guía é o de facilitarvos a recollida dos vosos exemplares. Mais se non vos é posible asistir contade con que os gastos de envío van incluídos nos importes indicados nas recompensas. Iremos anunciando os lugares das presentacións conforme vaiamos pechando as datas.
+ Info
Dado que nos non formamos parte de rede social dixital ningunha e tampouco non é probable que o fagamos no futuro, temos pensado parasitar as redes das nosas numerosas amizades. As nosas amizades están avisadas e mais pertencen e participan dos máis floridos eidos da cultura alternativa galega: filosofía, arte contemporánea, deseño gráfico, artes escénicas, kabuki, creación literaria, música, ensino, conservación da natureza e ensino, entre outros.
Se queres saber algo máis de Nacho preme aquí
Se queres saber algo máis de Pancho preme aquí
19 comentarios
Si ya eres mecenas, Inicia sesión para comentar.
Silvia Calvo
Moitas gracias por esta preciosidade
Juliolaxe
Xílgaro, e o nome Albiña
diegocp
Lavandería para Lois
Marieta
Anduriña para Inès
Bárbara Reims
Lavandeira para Diana
fredi
Xa poderes presentar na Terra dos vigotudos!!!
Segundo
Lamina seleccionada -> lavandeira
Segundo
Segundo -> Almixelo
Segundo
Natalia -> Azulenta
Verme
Carriza para Mariña